Enfrontar xuntas a crise, saírmos fortes dela

A crise económica que o coronavirus agocha detrás está a afectar xa a familias, traballadores/as e negocios locais no noso concello, igual que nos do resto do País. Co convencemento de que debemos enfrontala xuntos/as e con responsabilidade, vimos de presentar un documento de medidas económicas ao Goberno Local para que o concello de Cuntis considere no proceso de desescalada gradual do confinamento e recuperación da actividade habitual. Son propostas que buscan a reactivación dos diferentes sectores e negocios locais, así como axudas a familias e traballadores/as máis afectados pola crise sanitaria do coronavirus, que enfrontan uns meses nos que se prevén serías dificultades económicas. Enfrontar xuntas a crise para saírmos fortes dela.

O documento contén un total de 16 propostas que parten de dúas premisas:

  • prioridade no apoio a quen máis padece as consecuencias (progresividade e xustiza social)
  • orientación dos esforzos cara á poboación local.

Se ben xa o propio documento sinala que orzamentariamente non sería doado aplicalas na súa totalidade, si que poden resultar de guía para orientar as que finalmente se adopten.

consulta aquí o documento de medidas económicas extraordinarias que propoñemos fronte á crise económica do coronavirus

A primeira das medidas que se contempla é o pago inmediato de facturas pendentes a provedores locais. Non diferir máis o pago dos abonos pendentes é unha maneira efectiva e xusta para axudar ao comercio local que asume débedas temporais coa administración local.

Contémplase tamén a suspensión ou devolución parcial de taxas municipais cobradas (auga, lixo, IVTM, vados, etc.), axudas ao sector do taxi, a familias en situación ou risco de vulnerabilidade (mediante a ampliación ou a flexibilización de condicións para aumentar o número de beneficiarios/as), incremento das axudas a material escolar para familias vulnerables ou axudas ao alugueiro para traballadores/as afectados por diminución de ingresos. No referido aos sectores económicos locais, Veciñanza propón a ampliación de espazos de terrazas onde sexa posible, suspensión das taxas por ocupación da vía pública, devolución proporcional das taxas de mercadillo e praza de abastos, contratación de todos os bens ou servizos a provedores locais que poidan ofrecelos, contratación de artistas locais en todos os eventos que poidan realizarse ata final de ano, axudas directas a negocios que tiveran que suspender a súa actividade e medidas específicas para os establecementos de menor dimensión que máis directamente sofren o impacto negativo do descenso do turismo.

Esta batería de medidas xa foi presentada no Rexistro Municipal e Veciñanza agarda que poidan ser liñas de actuación que o Goberno Local tome en consideración pensando na axuda que a administración local debe adicar fronte aos efectos da crise económica que nos golpeará nos vindeiros meses. Esta postura de colaboración vén sendo a mantida por Veciñanza durante as semanas de excepcionalidade que marca o Estado de Alarma e as conseguintes medidas.

Unha vez máis Veciñanza expresa publicamente o agradecemento máis sincero todos os traballadores e traballadoras que durante esta crise seguen mantendo, cun encomiable esforzo e ante unha exposición de alto risco, os servizos esenciais básicos para a continuidade da vida dos demais. Tanto o persoal da administración pública como o de establecementos privados, supermercados, farmacias, etc. coa especial mención ao persoal sanitario (non sempre nas mellores condicións) merecen o aplauso máis grande e o maior dos respectos, vendo nun futuro recompensada a súa dedicación con condicións laborais dignas. Do mesmo xeito, Veciñanza expresa tamén as máis sinceras condolencias a todas aquelas persoas que sufriron a perda de seres queridos ou padeceron as consecuencias máis cruentas desta crise sanitaria.

Share

Tamén pode gustarche...